Contacto y sugerencias

O colexio Bergantiños de Carballo, campión de Ecovoz 2011

, por

Tras unha disputada final co lucense de As Nogais, o coruñés conseguiu colocarse en primeira posición, proclamándose gañador do Ecopreguntoiro deste ano, un concurso no que os rapaces poñen a proba os seus coñecementos en materia de medio ambiente.

Máis de 80 escolares de sexto de primaria pertencentes a 16 colexios galegos competiron entre si desde o pasado mes de xaneiro, destacando os da provincia de Lugo, onde dous dos tres centros representantes chegaron ata a última etapa.

O parque acuático de Cerceda acollerá o próximo 14 de xuño unha festa de fin de curso coa que se culminará a edición do programa radiofónico de Ecovoz deste ano, emitido pola cadea Radio Voz Galicia baixo o patrocinio da Consellería de Medio Ambiente e Sogama.

Cerceda, a 6 de xuño de 2011.- O Ceip Bergantiños de Carballo proclamouse campión do Ecopreguntoiro 2011, un concurso emitido pola cadea Radio Voz Galicia no marco do programa radiofónico Ecovoz, e patrocinado pola Consellería de Medio Ambiente e Sogama, onde alumnos de sexto de primaria de diversos centros educativos galegos poñen a proba os seus coñecementos en materia de medio ambiente. Nesta ocasión, a final, moi rifada, dirimiuse co colexio lucense de As Nogais. Os nervios mantivéronse a flor de pel ata o último momento, cando o fallo nunha resposta por parte dos de Lugo fixo posible que os coruñeses foran designados os gañadores desta edición. A emoción foi tal, que os vencedores ata dedicaron un discurso de agradecemento aos seus profesores, compañeiros e familias, de quen recibiron un gran apoio ao longo de toda a competición.

MÁIS DE 80 ESCOLARES PARTICIPANTES

Un total de 80 alumnos de 16 colexios desfilaron desde o pasado mes de xaneiro polos estudos de Ecovoz intentando demostrar a súa bagaxe na área medioambiental; uns auténticos expertos en natureza, residuos, auga, aire e un longo etcétera de temáticas vinculadas á ecoloxía no seu conxunto. Os máis destacados foron os da provincia de Lugo, onde dous dos tres centros participantes, pertencentes a Lugo capital, Monforte de Lemos e As Nogais, chegaron ata a última etapa. A Coruña aportou seis centros, un da propia cidade e os restantes dos concellos de Carballo, Ferrol, Noia e Ribeira. Alumnos de Vigo, Pontevedra, Cotobade e Salceda defenderon a provincia pontevedresa, mentres que Ourense tan só estivo representada por un colexio da cidade das Burgas. Todos eles realizaron un magnífico labor, evidenciando que a educación ambiental está presente, cada vez con máis forza, no sistema galego de ensino, configurándose como unha temática transversal a todas as disciplinas e formando parte do día a día das diferentes escolas da comunidade.

UNHA GRAN FESTA DE FIN DE CURSO

O próximo 14 de xuño, o Parque Acuático de Cerceda acollerá a tradicional festa de fin de curso de Ecovoz, á que están invitados, non só os rapaces que competiron no Ecopreguntoiro, senón tambén os seus compañeiros e profesores. Unha xornada ao aire libre chea de diversión coa que se intentará gratificar o esforzo realizado ao longo do curso académico.

Saúdos, Departamento de Comunicación

Otras notas de esta fuente
 

Ayúdanos a mejorar Presspeople con tus sugerencias y comentarios sobre el funcionamiento o el diseño de la web