Contacto y sugerencias

A Consellería de Cultura e Educación destina 16,7 millóns de euros á I+D+i nas universidades galegas

, por

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vén de publicar a convocatoria das axudas de Consolidación e Estruturación de Unidades de Investigación do Sistema Universitario de Galicia (SUG) para o exercicio 2012, que pode consultarse no Diario Oficial de Galicia. Deste xeito o departamento educativo da Xunta de Galicia dá cumprimento ao establecido nas bases reguladoras do Programa, nas que se define o modelo de financiamento para os grupos de investigación do SUG nos anos vindeiros.

Deste xeito, a Consellería impulsa a I+D+i nas universidades galegas, a través dun investimento dirixido a estas unidades de máis de 16,7 millóns de euros para os vindeiros 4 anos. Só para o 2012, o orzamento destinado aos grupos de investigación acada os 5.480.000 euros. Así, avánzase na implantación e consolidación dun novo modelo de financiamento da investigación universitaria, no que os grupos reciben un financiamento estrutural fixo se acadan uns obxectivos de crecemento e fortalecemento.

Con estas 4 convocatorias de axudas desenvólvese o Plan I2c no referente á investigación universitaria, restando só a convocatoria de axudas destinadas aos Proxectos de Investigadores Emerxentes, que se publicará nas vindeiras semanas.

Blindar o orzamento da investigación

Este paso constitúe o desenvolvemento das bases reguladoras, publicadas o pasado mes de febreiro, coas que a Consellería amosa, unha vez máis, o seu apoio firme e decidido á investigación nas universidades galegas como base para o desenvolvemento dun sistema universitario caracterizado pola excelencia e a competitividade. Non en balde as bases supoñen dar permanencia e seguridade ás convocatorias e aos criterios para a concesión destas axudas, co que se blinda o apoio da Consellería á I+D+i no ámbito dos grupos de investigación.

Neste sentido cómpre salientar que estas bases establecen un marco de financiamento estrutural e continuado para os grupos, condicionado a criterios de calidade, e non fragmentado e vinculado á acumulación de proxectos como o que existía ata o momento. Por outra banda foméntase a integración dos grupos de investigación en estruturas organizativas de ámbito superior ao grupo, tales como redes, agrupacións estratéxicas ou institutos universitarios; unha vez constatado que a pertenza a este tipo de entidades favorece o acceso ao coñecemento interdisciplinar e a fontes de financiamento.

Trátase de recoñecer e promover a I+D+i como un elemento esencial para a xeración de novo coñecemento, establecendo un marco estable de financiamento das estruturas de investigación universitarias, e así respaldar e promocionar os grupos consolidados das universidades galegas.

Modalidades de axuda

Das catro convocatorias, dáse continuidade a tres delas, para Grupos de Referencia Competitiva, Redes e Agrupacións Estratéxicas; e unha é de nova creación, destinada a Grupos con Potencial Crecemento, aqueles que, sen chegar aínda ao nivel de excelencia, están en disposición de acadalo se realizan un esforzo adicional cara á consolidación.

No caso dos Grupos de Referencia Competitiva - os máis fortes do SUG- concederanse entre 12 e 14 axudas, cun importe que varía entre 50.000 euros e 100.000 euros por grupo, cunha duración de 4 anos. En canto ás Redes, o obxectivo é conceder 10 axudas, cunha duración de 2 anos e un importe anual de 60.000 euros.

Para a modalidade de Grupos con Potencial de Crecemento, que é a novidade do programa, está prevista a concesión de 96 axudas por un período de dous anos e cun importe 35.000 euros anual.

As tres modalidades anteriores van destinadas a novas concesións, isto é, non son prórrogas. A última modalidade, Agrupacións Estratéxicas, vai destinada a unidades de investigación de tipo estratéxico promovidas polas universidades, que xa obtiveran esta axuda nas convocatorias de 2008 ou 2009. Por iso, a convocatoria prevé a concesión de 8 axudas, cun importe de 250.000 euros durante 2 anualidades.

Criterio de calidade

Na concesión das axudas primará o criterio de calidade introducido polas bases reguladoras como base fundamental para a consolidación das unidades de investigación. Así, a selección dos beneficiarios finais das axudas foi realizada pola Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG).

Estas convocatorias confirman a aposta estratéxica do Goberno galego con mantemento e mellora do financiamento da investigación básica e aplicada nas universidades, co obxecto de avanzar cara á sociedade do coñecemento e a transferencia de valor desde a Universidade á sociedade.

Trátase ademais dunha proba máis de que o traballo de xestión eficiente realizado nestes tres anos pola Xunta de Galicia permite afrontar o escenario económico blindando os orzamentos destinados á I+D+i.

Otras notas de esta fuente
Notas de prensa relacionadas
 

Ayúdanos a mejorar Presspeople con tus sugerencias y comentarios sobre el funcionamiento o el diseño de la web