INFORMACIÓN AOS MEDIOS
Rocío Mosquera participou hoxe nas XI Xornadas de Xestión e Avaliación de Custes Sanitarios
SANIDADE APOSTA POLA APLICACIÓN DAS NOVAS TECNOLOXÍAS COA FIN DE XESTIONAR OS RECURSOS DE FORMA RIGOROSA E EFICIENTE
A conselleira subliñou a importancia que ten para Galicia a implantación da Historia Clínica Electrónica IANUS e da eReceita, da que xa se benefician o 99,9% dos cidadáns
A redución de custe asociada á impresión da placa radiolóxica ascende a case 7 millóns de euros nos últimos 5 anos
Valladolid, 1 de xuño de 2012.- A conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, destacou hoxe a importancia da aplicación das novas tecnoloxías coa fin de xestionar os recursos de forma rigorosa e eficiente, garantindo así a sostenibilidade do sistema sanitario público. Neste senso, informou que Galicia conta coa Estratexia Sergas 2014, posta en marcha en abril de 2009, como folla de ruta onde se recollen as liñas principais de traballo e que demostraron ser ferramentas garantistas deste sistema sanitario.
A través destas liñas de actuación, Galicia quere preservar as prestacións e a calidade na asistencia sanitaria, sendo conscientes de que cada euro conta e é importante, así como aforrando onde é posible para investir no necesario.
Así o declarou nas XI Xornadas de Xestión e Avaliación de Custes Sanitarios, que se celebran en Valladolid, nas que participou na mesa redonda Investir en persoas e en tecnoloxía para a eficiencia, xunto co conselleiro de Sanidade da Xunta de Castela- León, Antonio Mª Sáez Aguado; e a secretaria xeral de Sanidade e Consumo do Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, Pilar Farjas Abadía. A mesa redonda foi moderada polo secretario xeral da Fundación Signo, Ángel Pérez Gómez.
Unha das medidas adoptadas pola Consellería de Sanidade é a Plataforma Loxística, que permitirá acadar un aforro anual de 20 millóns de euros. Esta Plataforma está dotada dun centro de almacenaxe para toda Galicia, que se encargará da recepción, da garda e da custodiados de produtos necesarios para desenvolver a actividade asistencial, así como da súa distribución ás distintas unidades, do seu orde, colocación e control.
Este servizo loxístico integral abrangue a xestión dos produtos sanitarios, como os de laboratorio, implantes e próteses, dos produtos non sanitarios como os de lencería, material de limpeza e de oficina, e dos produtos farmacéuticos que se considere apropiado para reducir custos de operación e almacenaxe.
Esta Plataforma comezará a funcionar a finais deste ano, integrando cada mes unha área da saúde para albergar á totalidade dos case 600 centros sanitarios cos que conta o Servizo Galego de Saúde.
Expedient-e
O Expedient-e único do profesional é outra das medidas implantadas na comunidade galega que permite á organización coñecer o desenvolvemento profesional dos seus empregados, simplifica e axiliza os procesos de xestión de persoal, así como se gaña en transparencia e accesibilidade e se reduce cargas administrativas.
Trátase dunha ferramenta que permite a todo o persoal do Servizo Galego de Saúde dispoñer dun currículo profesional electrónico, centralizando e unificando os seus méritos, tanto a través de internet como da propia intranet do Sergas.
Neste eido, a conselleira de Sanidade informou de que esta aplicación xa conta con máis de 4 millóns de méritos incluídos e máis de 2 millóns de accesos ao sistema.
Tecnoloxía e información
Doutra banda, Rocío Mosquera subliñou a importancia que ten para Galicia a implantación da Historia Clínica Electrónica IANUS e da eReceita –iniciado en 2004- da que xa se benefician o 99,9% dos cidadáns.
Actualmente, o 96,46% da imaxe é dixital e accesible dende IANUS en todos os hospitais e puntos de atención continuada, e a redución de custe asociada á impresión da placa radiolóxica ascende a case 7 millóns de euros nos últimos 5 anos. Ademais, a imaxe dixital pódese visualizar dende 234 centros de saúde que teñen asignada un 86% da poboación.
Neste senso, a implantación da receita electrónica leva consigo importantes vantaxes, xa que, con este sistema, cando o médico introduza a prescrición electrónica dun tratamento crónico, os pacientes poderán recoller directamente os seus medicamentos, presentando unicamente a súa tarxeta sanitaria na oficina de farmacia.
A receita electrónica permite, ademais, que o usuario non precise acudir ao centro de saúde cada vez que teña que solicitar novas receitas dos medicamentos xa prescritos. Isto implica importantes melloras na calidade asistencial, xa que diminúe o número de consultas para renovación de receitas nos centros de saúde, permitindo así ao médico dispoñer de máis tempo para o diagnóstico e tratamento.
SAÚDOS,
GABINETE DE COMUNICACIÓN DA CONSELLERÍA DE SANIDADE
Gabinete
de Comunicación da Consellería de Sanidade
Edificio
Administrativo de San Lázaro - 15703
Santiago
de Compostela
Teléfono: XXX XXX XXX - Fax:
XXX XXX XXX
Correo-e:
prensa@sergas.es
