A Coruña, 8 de maio de 2012.- A delegada territorial da Xunta na provincia, Belén do Campo, recibiu esta mañá a varios representantes da asociación Euroeume para seguir avanzando nas propostas de recuperación e revitalización do parque natural das Fragas do Eume despois do incendio producido hai varias semanas. Na reunión que se celebrou na sede da Delegación Territorial da Xunta na Coruña, Do Campo interesouse polas medidas que baralla o colectivo para seguir actuando nesta zona, que foron expostas polo presidente da entidade, José Castro, e o xerente, Miguel Teixido.
Euroeume é un grupo de acción local que desenvolveu varios proxectos financiados con fondos europeos neste paraxe natural por importe de 8,85 millóns de euros. A entidade forma parte ademais da xunta consultiva das Fragas do Eume, que precisamente onte celebrou unha sesión extraordinaria para avaliar as consecuencias do lume e as medidas adoptadas polo Goberno autonómico ata o de agora, así como as actuacións previstas a medio prazo para rexenerar este ámbito.
A representante do Executivo galego na provincia destacou que boa parte das intervencións que se leven a cabo requiren do consentimento dos propietarios particulares, pois a maioría dos terreos afectados e agora obxecto de actuación son de titularidade privada. Neste senso, Do Campo quixo deixar claro aos representantes de Euroeume que a comunicación fluída con todos os colectivos que conforman o parque natural é un dos obxectivos da Xunta de Galicia. Así, apelou ao entendemento de todas as partes na toma decisións para atopar as mellores solucións no relativo á rexeneración e mantemento das Fragas do Eume.
Ademais, a representante da Xunta na Coruña comprometeuse a dar traslado das peticións recollidas ata o de agora ao conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, que tamén prevé manter próximamente un encontro cos responsables de Euroeume.
A reunión de hoxe, por tanto, forma parte da rolda de contactos iniciada pola propia delegada territorial e por outros representantes do Goberno autonómico nos días posteriores ao incendio cos alcaldes da zona, propietarios e demais axentes implicados na posta en valor do parque natural para favorecer o diálogo e recoller todas as sensibilidades á hora de adoptar medidas neste ámbito.
