Secretaría Nacional
galiza@cig-ensino.com
Rúa Miguel Ferro Caaveiro, nº 10, 1º
15703-SANTIAGO
COMUNICADO DE PRENSA
A CIG-Ensino valora positivamente a participación nas concentracións da Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público
A CIG-Ensino valora positivamente a participación nas concentracións convocadas pola Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público que se celebraron hoxe en trece cidades e vilas de toda Galiza e que terán continuidade coa folga de estudantes que se vai celebrar o próximo día 10, os peche rotativos nos centros que empezan o día 14 e a manifestación en Santiago que se vai celebrar o día 3 en defensa dos servizos públicos.
O Secretario Nacional da CIG-Ensino, Anxo Louzao, lembrou que estas mobilizacións teñen como obxectivo rexeitar a situación dramática que atravesa o ensino publico despois das medidas xa postas en marcha polo PP desde a Xunta de Galiza e as aprobadas polo Goberno central, que a Consellaría xa dixo que ía aplicar. Louzao lamentou que a Consellaría de Educación en lugar de actuar como máxima autoridade educativa actúe de xeito cómplice e incluso presuma de ter sido pioneira en aplicar medidas lesivas para o ensino público.
Louzao insistiu hoxe en que a CIG-Ensino non está disposta a que se apliquen máis recortes e pediu a retirada do Real- Decreto 14/2012 porque invade competencias e nos sitúa nun estado preautonómico, suporá o despedimento de miles de profesores, aumentará o fracaso escolar, reducirá a calidade e expulsa ensino aos que teñen menos recursos.
Compostela, martes, 08 de maio de 2012
Secretaría de prensa da CIG-Ensino
