A iniciativa forma parte do programa Eduemprende Actúa, impulsado en colaboración coa Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria
Durante o curso 2010-11 participaron nos seminarios deste tipo desenvolvidos en 41 centros educativos de toda Galicia case 3.300 estudantes, na súa maioría alumnos de ciclos formativos da FP
Santiago, 7 de maio de 2012.- A Consellería de Economía e Industria, través do Igape e no ámbito de colaboración do programa Eduemprende Actúa, impulsado coa Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, promove o emprendemento na Costa da Morte mediante un seminario que se desenvolverá mañá, 8 de maio, no IES Terra de Soneira de Vimianzo, a partir das 10,45 horas.
Este seminario ten como obxectivo fundamental o de mellorar as posibilidades profesionais dos estudantes antes de que rematen a súa formación e comecen os seus períodos de prácticas en empresas para completar o seu currículum educativo.
O programa Eduemprende constitúe un completo plan de emprendemento no sistema educativo de Galicia que busca asentar e fomentar o espírito emprendedor entre os máis novos, para procurar que os mozos melloren as súas posibilidades de obter emprego ou de crear, no futuro, as súas propias empresas. Eduemprende Actúa abrangue charlas e seminarios de motivación emprendedora que se desenvolven en centros de toda a xeografía galega.
O seminario de mañá en Vimianzo vén reforzar os servizos e axudas contemplados no plan Revive Costa da Morte, que se está a desenvolver nos concellos destas comarcas e que inclúe oficinas de información e tramitación na zona e tratamento especial para os proxectos dos novos emprendedores e para os empresarios que impulsen investimentos, iniciativas de mellora da competitividade ou proxectos de internacionalización.
Este será o primeiro do novo ciclo de seminarios de motivación e sensibilización emprendedora para alumnos de formación profesional, impartido por técnicos de BIC Galicia. Seguirán, nesta mesma semana, outros seminarios no IES Frei Martín Sarmiento de Pontevedra, o 9 de maio, e no CPR Caixagalicia da Coruña, o 11 de maio.
Durante o curso 2010-11 participaron nos seminarios deste tipo desenvolvidos en 41 centros educativos de toda Galicia case 3.300 estudantes, na súa maioría alumnos de ciclos formativos da FP.
