Contacto y sugerencias

NOTICIAS A cadela Guinda conquista os nenos no primeiro taller de lectura con cans organizado pola Concellería de Educación

, por

Os asistentes leron contos e participaron en actividades sobre o coidado e respecto aos animais

É a primeira vez que este programa se imparte na provincia de Pontevedra

 

A cadela labradora Guinda conquistou esta mañá os nenos e acompañantes que a esperaban na Biblioteca Municipal do Grove. Alí a Concellería de Educación organizou unha das tres sesións previstas a través do pioneiro programa  “Perros y Letras READ España”. Trátase dun programa de lectura asistida e educativa no que os nenos gozaron lendo en compañía da cadela.

 

Cada un dos oito nenos que formaron este primeiro grupo achegouse a Guinda para lerlle un conto de forma individual. A cadela escoitounos con atención, corrixíndoos cando se equivocaban ou, incluso, indicándolles cando podían continuar con leves toques coa súa pata. Os nenos leron e explicáronlle ao animal aquelas palabras da narración que non entendía.

 

Mentres esperaban a quenda lectora, o resto do grupo realizou actividades de lectura e escritura coa persoa do equipo de apoio. Algunhas das temáticas que trataron foron as necesidades básicas dun can, hixiene, coidados, a comida e o soño; achegamentos correctos e incorrectos aos cans, para evitar accidentes; a linguaxe canina; ou heroes caninos, historias de cans policías, de rescate, actores… Ao acabar a actividade todos recibiron o seu diploma.

 

Guinda é unha cadela adestrada especialmente para este programa. Os cans son os acompañantes ideais para a lectura porque escoitan atentamente; axudan a que o neno se relaxe; non xulgan, burlan ou critican cando hai erros; son menos intimidantes que os compañeiros de clase ou os adultos; deixan que o neno vaia ao seu propio ritmo… e sobre todo, porque para os nenos ler con cans é visto como un xogo, non como unha obriga.

 

Tres sesións

En total serán 25 os alumnos da actividade extraescolar Coñecendo e gozando da biblioteca que terán a oportunidade de participar nesta iniciativa. Dividiranse en tres grupos, que acudirán á actividade en tres sábados diferentes. 

 

O éxito do Programa READ de lectura con cans céntrase na conexión de emocións que se establece entre o can e o neno ou nena que lee para o animal. É un programa pioneiro en España, que chegou a Galicia en outubro, sendo O Grove o primeiro concello na provincia de Pontevedra en apostar por esta iniciativa. Os nenos que participan neste programa progresan nas súas habilidades lectoras e de comunicación, así como na comprensión de textos, autocontrol, motivación e autoestima.

Otras notas de esta fuente
 

Ayúdanos a mejorar Presspeople con tus sugerencias y comentarios sobre el funcionamiento o el diseño de la web