Contacto y sugerencias

Salvemos Cabana considera inxustificado a entrega dun premio ao Dolmen de Dombate a 48 horas dos comicios galegos

, por

A PLATAFORMA MANIFESTA O SEU REXEITAMENTO AO ACTO DE ENTREGA NO ÚLTIMO DÍA DA CAMPAÑA ELECTORAL E CINCO ANOS DESPOIS DA INAUGURACIÓN DUNHA INFRAESTRUTURA -A "GALARDONADA" CUBERTA DE MADEIRA- QUE RECIBIU CRÍTICAS DE DIVERSOS EXPERTOS POLA SÚA INEFICIENCIA Á HORA DE PROTEXER AS PINTURAS DE ÉPOCA NEOLÍTICA QUE ALBERGA O MONUMENTO.

De feito, non hai unha razón que xustifique a entrega dun premio a piques de celebrarse as eleccións galegas máis rifadas dos últimos anos, e moito menos que isto suceda totalmente a destempo e cun ánimo que podería entenderse con fins puramente electoralistas pola presenza de representantes políticos do Partido Popular.

A pesar de que a data elixida, 23 de setembro, coincide co "Día Mundial da Construción Sostible", resulta insólito que un acto propagandístico destas características poida levarse a cabo en plena recta final da campaña electoral galega, máis cando a inauguración da cuberta de madeira do Dolmen de Dombate realizouse en marzo do ano 2011.

UN PREMIO A UNHA ESTRUTURA INEFICIENTE, SEGUNDO OS EXPERTOS

Doutra banda, o galardón concedido polo Clúster da Madeira e o Deseño, agrupación empresarial do sector madeireiro, parece descoñecer que diversos expertos reflexionaron en público sobre a ineficacia da estrutura que rodea ao dolmen, e que agora premian.

Así, especialistas como o profesor da Universidade de Barcelona Joan Santacana Mestre, recoñecido experto en Patrimonio Cultural, manifestou que o actual recinto que rodea ao Dolmen de Dombate "é unha enorme estrutura que non ten moitos sentido se nos atemos á conservación" e definiuno como "un custoso andamio" que non serve para protexer as pinturas, pois na musealización non se considerou a importancia de "manter en bo estado" o corte estatigráfico para protexer ao monumento da humidade.

UN GALARDÓN INXUSTIFICADO

Na actual situación, resulta máis que sorprendente que se lle poida conceder un premio a unha infraestrutura que de xeito evidente  e en opinión de expertos parece non cumprir de maneira adecuada a función para a que se deseñou, e todo iso despois do ano máis controvertido na historia do megalito, no que a denuncia chegou ata o Parlamento de Galicia a través dunha Proposición Non de Lei presentada por Alternativa Galega de Esquerda (AGE).

O pasado mes de xullo, AGE considerou na súa iniciativa que a adquisición de Dombate en época preconstitucional por parte da Deputación Provincial da Coruña "non foi acompañada" das necesarias medidas de protección do ben cultural e que "hai evidencias" de que os convenios que actualmente tece a Deputación Provincial co Concello de Cabana de Bergantiños "non son os máis axeitados" polas numerosas problemáticas xurdidas dende que o consistorio se fixo cargo da xestión cultural do centro arqueolóxico en 2014.

Ante estes feitos, a concesión dun premio por parte dunha asociación empresarial a unha infraestrutura criticada por expertos, coa presenza de políticos afíns á situación actual que atravesa o monumento e no último día de campaña electoral corre o risco de entenderse máis como un feito intencional e interesado que unha mera coincidencia.

Otras notas de esta fuente
Notas de prensa relacionadas
 

Ayúdanos a mejorar Presspeople con tus sugerencias y comentarios sobre el funcionamiento o el diseño de la web